“COSPEITO EDUCA EN IGUALDADE” actividades lúdico en igualdade
“Existen poucas armas no mundo tan poderosas coma unha nena cun libro na man”
Se nos educaran en Igualdade dende a infancia poderíamos frear a violencia de xénero. O Concello de Cospeito a través do Departamento de Servizos Sociais, desenvolveu entre o 27 de outubro e ata o 5 de novembro a iniciativa de igualdade “COSPEITO EDUCA EN IGUALDADE”, nos centros educativos dos CPI Virxe do Monte e do CEIP de Muimenta para o alumnado de infantil primaria e ESO co obxectivo de promover actividades coeducativas para erradicar os estereotipos e previr a violencia de xénero e os conflitos para as rapazas e rapaces do Concello de Cospeito.
O Programa lúdico coeducativo estivo composto por 30 sesións de obradoiros de cine, teatro, baile e radio en igualdade para 130 alumnas e alumnos de entre 3 a 16 anos do CPI Virxe do Monte de Cospeito e do CEIP de Muimenta para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, a violencia sexual ou o uso adecuado e crítico da internet e das novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.). Existen altos índices de desigualdade de xénero entre a mocidade, con respecto da poboación xeral que poñen de manifesto a necesidade do tratamento e traballo deste asunto desde as idades temperás posto que a consolidación dos estereotipos de xénero e actitudes sexistas atopan nas escolas un espazo ideal onde reproducirse pero tamén onde erradicarse se se dan as condicións idóneas. Por iso, para tratar de concienciar ao alumnado e de cambiar o seu punto de vista ante este tipo de actitudes, é preciso educar en Igualdade nas aulas de tal maneira que se corrixan as actitudes machistas desde as etapas máis temperás e se ofrezan ferramentas ao alumnado para detectar e previr mediante boas prácticas educativas a violencia de xénero.
A proposta lúdico-educativa, impartida por Coeduca Servizos Psicoeducativos, constou de catro tipos de obradoiros:
Cine, teatro e baile coeducativo: traballouse co alumnado en obradoiros a través de videocontos, cancións e teatro as emocións, a erradicación dos estereotipos de xénero e a corresponsabilidade.
Baile coeducativo: o alumnado escoitou diferentes cancións que promoven a igualdade e os seus valores e escolleu unha coa cal se fixo unha coreografía conxunta grupal na que participaron todo o alumnado.
Radio Coeducativa: o alumnado asistente gravou un programa de radio para promover a Igualdade con noticias, tertulia e presentación en directo. Todo co fin de promover a igualdade entre mulleres e homes e tamén con pautas para as nais e pais para que saiban educar en igualdade as súas propias fillas e fillos. Editouse o obradoiro de radio completo en formato mp3 como actividade de escoita para o alumnado e o resto da cidadanía do Concello.
Teatro coeducativo: os obradoiros constaron dunha clase de interpretación real con exercicios de corpo, voz, movemento, coordinación e desinhibición, a través de improvisacións teatrais o alumnado escenificou situacións de conflito e de violencia de xénero, as cales foron representadas e analizadas posteriormente co resto de rapazas e rapaces co fin de acadar pautas saudables de comportamento e de prevención da violencia.
A iniciativa, estivo organizada e coordinada polo Departamento de Servizos Sociais do Concello de Cospeito, e está financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade.