O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gubernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

“En negro contra as violencias” é unha campaña de denuncia e sensibilización contra a violencia de xénero que neste sexto ano de percorrido conta coa participación de 2 deputacións, 140 concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. En total, preto de 500 entes que se organizan mediante unha plataforma para loitar contra as violencias machistas.  Ademais, miles de establecementos apoiaron durante estes anos a acción cubrindo de negro os seus escaparates e lugares de traballo.

Consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animamos á poboación , ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse arredor desta data.

Coa adhesión á Campaña “Cospeito en Negro” propoñémosvos vestir de negro o noso concello, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas e vilas de Cospeito, e sodes o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos un Cospeito libre de violencias machistas! Arredor do 25 de novembro, viste a túa casa, tenda, comercio, empresa, bar, ou entorno de traballo de negro, viste os teus escaparates, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro, nós facilitarémosvos algúns materiais e información e na web https://ennegrocontraasviolencias.gal/ haberá material moi accesible para poder descargar e imprimir se precisades máis.

Dende o Concello de Cospeito animámosvos a participar, un ano máis, nesta campaña de sensibilización e agardamos contar coa vosa participación e implicación para vestir de negro con carteis, teas, roupa, decoración,… etc o noso concello. Queremos que en novembro de 2021 Cospeito volva a tinguirse de negro arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero e para iso precisamos da vosa implicación.

En Negro Contra as Violencias fundamenta moito a súa campaña tamén no activismo virtual. Este ano, queremos seguir unindo forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais.

Cómo Participar? 

 

REUTILIZA os materiais facilitados nas pasadas edicións para vestir de negro o teu negocio, escaparate, tenda ou lugar de traballo. Se precisas de máis material contacta a través do mail servisociais@concellodecospeito.es para que se vos faga chegar. 

 

INXENIA novas ideas! A imaxinación será a nosa aliada! Pensa en como chamar mellor a atención e de cómo facelo da mellor maneira dadas as restriccións actuais.

 

Comparte e visibiliza a túa foto e/ou a túa mensaxe e envíanola por whatsapp ao número: 626848414 ou vía correo electrónico a servisociais@concellodecospeito.es para, con todas as imaxes que enviedes, poder visibilizar a acción conxunta de todos os axentes adheridos á campaña no noso concello.

 

►Posiciónate e fai difusión da túa acción subindo as fotos ás túas redes sociais co hashtag contra as violencias machistas nas redes sociais: Etiqueta nas redes sociais #GaliciaEnNegro #ContraAsViolencias #EnNegroContraAsViolencias #EnNegro2021#CospeitoEnNegro#

 

Concello de Cospeito

O Alcalde,

 

Armando Castosa Alvariño