Fonte O Progreso, Cristina Pérez

 

O Concello de Cospeito pon en valor a Torre de Caldaloba co primeiro Certame de Poesía, o local veciñal de Pino acolleu a entrega de premios da primeira edición do concurso poético, que gañaron Xesús Rábade Paredes e Andrea Sanjurjo en cadansúa categoría.

O I Certame de Poesía Torre de Caldaloba viviu este sábado un momento culminante coa entrega de premios aos gañadores nun acto que serviu para recoñecer a dobre vertente desta convocatoria: apoiar a creación poética e a cultura e pór en valor un dos elementos patrimonais máis senlleiros non só do concello cospeités, senón de toda Galicia.

Así o reivindicaron todas as persoas que foron tomando a palabra no local social da parroquia cospeitesa de Pino, que case quedou pequeno ante a xente que quixo arroupar e felicitar aos primeiros gañadores dun certame ao que o alcalde, Armando Castosa, lle desexou «mil outonos máis» logo dun exitoso inicio con 52 «excelentes traballos» presentados. E non era para menos, pois en adultos, o poemario merecedor do primeiro premio -1.500 euros e publicación- foi o de Xesús Rábade Paredes, recoñecido escritor que ten as súas raíces en Cospeito e sobre o que Rocío García, concelleira de cultura e presentadora do acto, bromeaba dicindo que se podería «estar ata mañá para citar as súas obras e premios».

En menores de 18 anos impoñíase Andrea Sanjurjo, que apreveitou a visita a Pino para coñecer a torre: «É fermosísima»

O autor de Seixas dedicoulle aos seus veciños os dous fragmentos que leu do seu poemario, que conxuga a prehistoria, a historia e a imaxinación necesariaspara dar pé a unha lenda. Rábade Paredes agradeceu ademais que os membros do xurado «calibraron ben o texto», recoñecéndoo «pola súa imaxinación, pola riqueza do contido históricoe antropolóxico e o xeito de enfiar un corpus poético»,tal e como recolle a acta. Igual que fixeron co do segundo premio, que recaeu no escritor ouresán Paulino Peña. Este, logo de confesar a súa «ilusión» polo recoñecemento á súa obra, agradeceu o alento «á creación poética» e «neste emblemático lugar» quixo reivindicar «a herdanza do noso pasado, aquí, onde se escribiu o último episodio da resistencia dos aristócratas galegos». En menores de 18 anos impoñíase Andrea Sanjurjo, que apreveitou a visita a Pino para coñecer a torre: «É fermosísima», dixo esta moza da Pobra do Caramiñal, recitando a composición que a fixo merecedora dun lote de libros e unha tablet. O segundo clasificado, Yare Brea, non puido asistir.

O Concello, a asociación veciñal de Pino e Culturalia GZ impulsaron o certame a cuxo xurado, composto por Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Xosé Otero Canto, Beatriz López Dorado e Monserrat González, lle agradeceron o «inmenso traballo» realizado.