Fonte CulturaliaGz.

O vindeiro 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro, unha celebración promovida pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Coma en edicións anteriores haberá distintas actividades por toda a xeografía galega. E unha desas actividades vai ter lugar no Concello de Cospeito, concretamente no Museo das Aves de dito concello.

O acto, organizado conxuntamente polo mencionado Concello de Cospeito e Culturalia GZ, en colaboración coa AELG, consistirá primeiramente na lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019, elaborado nesta ocasión pola escritora Ana Romaní. Deseguido virá o momento do recital de poemas rosalianos ou de autoría da/-o participante e que aludan á autora homenaxeada. Ademais dun grupo de poetas convidadas/-os, tamén se contará coa participación de estudantes do colexio de Cospeito e/ou arredores e calquera outra persoa que desexe recitar ou amosar o seu aprecio pola figura de Rosalía de Castro.

Para a divulgación deste evento poético contamos coa cesión dunha imaxe de Rosalía realizada dixitalmente pola artista Adolfina Mesa, quen tamén traballou na elabororación do cartaz anunciador.

Ao remate do acto tamén se ten previsto a entrega de diplomas ás persoas participantes para deixar constancia da súa intervención neste día de celebración rosaliana.