Servizos Sociais

|Concello de Cospeito
MEDIDAS PARA ERRADICAR A VIOLENCIA

< Volver atrás

Por unha parte, as medidas que hai que poñer en marcha deben situarse en tres ámbitos: o da prevención, o da sanción das condutas violentas e o asistencial.
Por outra, como o problema é estrutural debe ser abordado dende un punto de vista interdisciplinar no que se inclúan a política, a educación, a saúde, o dereito, a psicoloxía, os medios de comunicación, o traballo social e a seguridade cidadá tanto no análise como no tratamento.
En primeiro lugar, dende o punto de vista da política, faise imprescindible un Pacto de Estado para elaborar unha lei integral que ha de centrarse en garanti-lo dereito a vivir sen violencia de xénero e ha de cumpri-los seguintes obxectivos:

* Dar protección inmediata e efectiva ás vítimas, dando prioridade ás medidas cautelares preventivas.
* Contribuír á erradicación de dita violencia dende o ámbito lexislativo e xudicial
* Elabora-la normativa que coordine os recursos sociais suficientes, institucionais e privados
* Apoiar e colaborar coas asociacións de mulleres que tratan este tema
* Previ-la violencia elaborando programas destinados á comprensión e eliminación das súas causas e promovendo campañas de sensibilización e formación dirixidas á cidadanía en xeral, e ás e ós profesionais da educación e da información en especial.

No plano sensibilización e formación dirixidas á cidadanía en xeral, e ás e os profesionais da educación e da información en especial. no da prevención convén resalta-lo peso e responsabilidade de tres axentes educativos moi importantes: a familia, a escola e os medios de comunicación.

Avogamos por un modelo de familia que sexa un espazo de encontro gratificante e potenciador das capacidades e posibilidades de tódalas persoas que o integran, onde existan relacións igualitarias entre mulleres e homes, equilibrio na toma de decisións, no reparto das responsabilidades domésticas e de coidado a persoas dependentes, e na distribución do tempo, en definitiva, avogamos por que os homes e as mulleres amosen ós seus fillos e fillas que hai tantas formas como persoas de ser home e muller.

No que se refire á educación formal, a escola é ou debe ser un espazo ideal para fomentar valores tales como o respecto, a igualdade dentro da diversidade, comprensión cara os e as que son diferentes, o espírito crítico. Por iso, por ser un lugar onde se aprende a pensar, a descubrir e a analiza-lo mundo é un lugar idóneo para previ-la violencia.

Traballar para previ-la violencia é traballar para construír relacións satisfactorias entre os humanos, é dicir relacións sen chantaxes, relacións paritarias e xustas: Isto implican cambio de modelo económico, educativo e cultural violento por outro baseado no diálogo (no amor, segundo Charo Altable, especialista en coeducación). Isto é o que pretende a coeducación. A coeducación quere ser unha pedagoxía que remate coa violencia estrutural desta sociedade patriarcal e capitalista, que favoreza, sen embargo, a rebelión ante o abuso de poder, que poña límites ó outro, que defenda os espazos persoais e colectivos de liberdade de expresión e que instaure relacións xustas, onde a tenrura e o diálogo entre o diferente sexan posibles: diferentes sexos, culturas, diferentes carácteres e personalidades. Trátase de cambia-lo modelo que estrutura esta sociedade, un cambio de homes e mulleres. O home ha de deixa-la vella pel do patriarcado e as mulleres habemos de deixa-la pel de camaleóns que nos serve para sobrevivir neste mundo.

Desfacer este modelo non é tarefa só da coeducación, é unha tarefa que nos corresponde a tódolos seres humanos e débese exercer dende tódolos ámbitos sociais. Non é tan só de mulleres aínda que sexan movementos de mulleres os pioneiros, na historia recente, en manifestarse contra as guerras, contra as armas e o exercicio de toda violencia. Os homes teñen unha gran labor que facer, non cambiará o mundo mentres non nos impliquemos todos e todas. Son necesarios homes antipatriarcais para que ensinen na familia na escola e en tódolos ámbitos ós nenos, adolescentes e mozos outras maneiras diferentes de construí-la masculinidade (Hoxe día aínda hai moitos adolescentes que pensan que ser agresivo resulta máis atractivo).

De feito, existen colectivos de homes, cada vez máis numerosos se reúnen para debater sobre estes temas e organizan cursos e congresos como o que remata de ser clausurado en Xerez: “Xornadas Estatais sobre a Condición Masculina. Os homes ante o reto da igualdade”.
O terceiro gran piar na educación e prevención son os medios de comunicación. Nunha sondaxe realizada á poboación europea e española, á pregunta sobre o orixe da información que posúen sobre o tema o 97% responde que da televisión, o 49,7 dos xornais, o 51,8 da radio e só o 16% dos libros, o 14% do traballo e o 4, 2 de formación propiamente dita (escola, formación de adultos,…). Isto dános idea da importancia que os medios de comunicación teñen na formación de opinións e a responsabilidade que elo comporta á hora de tratar esta cuestión social tan grave.
Estes teñen máis influencia se cabe que a familia e a escola, especialmente na adolescencia e xuventude, marcan a páuta do que está de moda e o que non, do que é importante e o que non… Desgraciadamente os modelos a seguir non son os máis idóneos para conseguir unha sociedade máis xusta, solidaria e en igualdade, posto que o que transmiten, fundamentalmente, a televisión, son mensaxes de violencia, sexismo, competitividade, consumismo e por que non dicilo de estupidez, dende os heroes e heroínas dos debuxos animados, pasando polas películas, cancións, publicidade, etc.
En cambio, deberían propor modelos alternativos que encarnen valores de igualdade e respecto.
Máis concretamente no tema da violencia doméstica, se se queren cambia-las cousas, deberían abordala globalmente, analizando as causas que a provocan, cunha definición editorial, e contribución de opinións diversas que permitan albiscar solucións a este problema.

Na prevención da violencia, os sindicatos, en xeral e CXT, en particular, temos moito que dicir.
Porque hai unha relación insoslaiable entre traballo e situación económica, entre traballo e independencia económica e haina, en fin, entre independencia económica e autonomía, entre autonomía, liberdade e dignidade das persoas. Todas estas condicións non resolven probablemente tódalas situacións de violencia, pero sen dúbida, a súa ausencia contribúe a agrava-las por canto limita as posibilidades e capacidades das mulleres para fuxir delas.

O traballo é un fenómeno complexo do que deriva non só a remuneración e o sustento se non tamén a socialización e a integración dos individuos no seu medio e, na actualidade, é un ben escaso que engade valor e consideración social a quen o ten, e estigmatiza a quen carece del.
Por todas estas razóns e mil máis debemos loitar e esixir ó goberno e ós demais axentes sociais implicados:

* Unhas mellores condicións laborais para todas e todos tanto no acceso como na estabilidade, o salario e a promoción no emprego e, ó menos, non tolerar de ningunha maneira que estas condicións xa malas de por si se agraven aínda máis para as mulleres.
* Uns convinvos colectivos non sexistas eliminando as cláusulas discriminatorias e incluíndo outras correctoras das desigualdades existentes.
* Medidas, de verdade efectivas, e que se leven á práctica por parte das empresas, que faciliten o que tanto os homes como as mulleres poidan concilia-la vida laboral e a familiar.

Estas medidas veranse ampliadas e concretadas nos documentos que se están elaborando dende a Secretaría da muller.
Para que a prevención sexa unha realidade é necesario un cambio de mentalidade da poboación en xeral e de moitos dos e as profesionais da educación, medios de comunicación, do dereito, da saúde, da psicoloxía, do traballo social, da seguridade cidadá…. propiciada por unha boa preparación e formación dende unha perspectiva de xénero.

Para cando xa a situación de violencia aconteceu hai que atender á vítima e sancionar ó maltratador, para elo esiximos:
* A implantación de Centros únicos (como a ventá única) ou integrais onde persoal especializado e formado dende unha perspectiva de xénero preste unha axuda, á persoa, inmediata e total: de protección, sanitaria, psicolóxica, xurídica, social e económica.
* A garantía de que a vítima e as persoas que dependen dela, despois da denuncia, van poder levar unha existencia digna e autónoma, é dicir que terá cubertas as necesidades básicas: vivenda, comida e salario mínimo interprofesional mentres atopa un traballo.
* Formación e inserción laboral o máis rápida posible
* Aplicación real da lexislación vixente mentres se elabora a lei integral citada anteriormente.

Tódalas medidas que se propón neste documento son de carácter xeral pero se algunha persoa quere traballar ou debater máis a fondo este tema achégase unha táboa reivindicativa e un decálogo elaborados por grupos de compañeiras.

< Volver atrás

NOVAS DO CONCELLO DE COSPEITO

Toda a actualidade: avisos, novas e eventos de interese...

Proxecto “Mellora da envolvente térmica” e a  adquisición e mellora do equipamento do centro, ca compra de mobiliario interior, material didáctico e de xogo

O Concello de Cospeito mellora  a  Escola Infantil Municipal, ca obra “mellora da envolvente térmica” e a  adquisición e mellora do equipamento do centro, ca compra de mobiliario interior, material didáctico e de xogo, a través dunha axuda da Xunta de  Galicia...

Cospeito

«De ouro e sobre ondas de azur e prata, unha cruz floronada de gules, cargada de cinco veneras de prata; mantelado de gules con dúas torres de ouro. Ao timbre, coroa real pechada.»

Contacto

Avenida da Terra Chá, 29
Cospeito(Lugo)
Tlf: 982 52 00 01
Mail: concellodecospeito@concellodecospeito.es

Mapa de situación